Asotrame activará, co apoio do Concello de Ames, o programa “Sensibilización e solidariedade”. A iniciativa incluirá varias charlas informativas na localidade sobre o cancro hematolóxico e a doazón de medula ósea. O ciclo, ademais de accións destinadas especificamente ao público escolar, contempla unha sesión informativa aberta ao conxunto da veciñanza no Milladoiro.
Persoal da Asociación galega de persoas transplantadas de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas e voluntariado da entidade protagonizarán o vindeiro xoves, 6 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a charla que leva por título “Como salvar unha vida”.
Na cita, que arrincará ás 19:30 horas, a traballadora social da entidade, Alba García, falará sobre que é o cancro hematolóxico (leucemias, linfomas…), sobre o impacto do diagnóstico no paciente e na súa contorna familiar, e máis sobre as posibilidades que ten a cidadanía de axudar a salvar a vida de doentes con este tipo de cancro.
Así, durante a sesión, que se enriquecerá co testemuño en directo dun expaciente, transplantado de medula ósea, abordarase a necesidade de normalizar a doazón de medula. Ese xesto altruísta e anónimo pode brindar unha segunda oportunidade a pacientes oncohematolóxicos que precisan dun transplante ao fallarlles outros tratamentos.
Intervencións con alumnado dos centros de ensino
O programa “Sensibilización e solidariedade”, financiado polo Concello de Ames, con cargo ás subvencións para entidades sen ánimo de lucro para a promoción de actividades de carácter social, contempla tamén intervencións para o alumnado dos centros educativos. Non en van, a mocidade constitúe un colectivo de especial interese pois é posible rexistrarse como doantes de medula dende os 18 ata os 40 anos.
Deste xeito, vanse facer intervencións co alumnado de 5º de educación primaria do CEIP Agro do Muíño o venres 7 de novembro; e co alumado de 3º da ESO do IES do Milladoiro o martes 11 de novembro.











