O vestibulo principal de entrada ás instalacións da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) en Santiago de Compostela, foi o escenario elixido para presentar, hoxe martes, a exposición fotográfica «La piel como testigo: entre la vida y su herida» organizada por Asotrame.
O proxecto divulgativo que foi inaugurado esta mañá pola directora de ADOS, Marisa López, a Coordinadora Autonómica de Transplantes (CAT), Encarnación Bouzas e a nosa presidenta, Cristina Piñeiro, ten como obxectivo visibilizar unha patoloxía pouco coñecida como é a enfermidade enxerto contra receptor (EICR).
Protagonistas
A exposición reúne imaxes realizados polo fotógrafo publicitario Xosé Durán que retratan con sensibilidade e profundidade a persoas que conviven coa enfermidade, converténdoas en protagonistas dunha historia de resistencia e humanidade.
Na mostra, os retratos en branco e negro dunha decena de doentes, conxúganse coas reflexións do propio fotógrafo, paciente de EICR, sobre como viven a enfermidade, construíndo entre todas e todos unha visión global desta enfermidade multisistémica, nas súas versións aguda e crónica.
A EICR é unha reacción inmunitaria na que as células do doante atacan os tecidos do receptor afectando a diversos órganos do corpo e xerando consecuencias que perduran no tempo, tendo un importante impacto na vida cotiá e no benestar de quen a padece.
A directora de ADOS puxo en valor a colaboración entre ambas entidades e a importancia de organizar eventos divulgativos destas característica para o fomento da doazón de medula ósea. Pola súa banda, a presidenta de Asotrame, unha das protagonistas da mostra, indicou que a exposición foi creada como unha ferramenta de concienciación social, enmarcada no compromiso desta Asociación por acompañar, informar e dar visibilidade aos afectados por transplantes de medula ósea e enfermidades hematolóxicas.
Convenio de colaboración
Desde 2021, ADOS e ASOTRAME teñen asinado un convenio de colaboración para definir e poñer en marcha actividades que promovan a necesidade de coñecer e actualizar o proceso de doazón de medula ósea na sociedade que permita unha maior posibilidade de transplante entre os pacientes.
Ambos organismos desenvolven campañas informativas, programas divulgativos e de formación para mellorar o coñecemento dos mecanismos e vías para posibilitar a doazón de proxenitores hematopoéticos.











