O Hospital Público Álvaro Cunqueiro convértese no primeiro punto da provincia de Pontevedra no que se exhibe a exposición itinerante de Asotrame “A pel como testemuño: entre a vida e a súa ferida”.
A mostra, que pode visitarse na terceira planta do hospital (Vela B), pon cara e da voz a pacientes que conviven coa enfermidade enxerto contra receptor (a EICR), unha complicación frecuente tras os transplantes de medula ósea de doante, e tamén aos familiares que están ao seu lado.
O director asistencial da Área Sanitaria de Vigo, José Manuel Olivares, xunto ao subdirector de Humanización e Atención á Cidadanía, Francisco Represas; membros da dirección de enfermería e a xefa de servizo de Hematoloxía e Hemoterapia, entre outros, visitaron esta semana o proxecto divulgativo xunto ao delegado de Asotrame en Pontevedra, Manuel Estévez, un dos protagonistas da mostra.
Impacto na vida cotiá e no benestar
Na exposición, as fotografías dunha decena de doentes conxúganse coas súas reflexións sobre como viven a enfermidade, construíndo entre todas e todos unha visión global desta patoloxía multisistémica, nas súas versións aguda e crónica.
A afección cutánea é a máis habitual, pero pode manifestarse no aparato dixestivo, no fígado, nos pulmóns, nos ollos, etc; e faino xerando consecuencias que perduran no tempo, tendo un enorme impacto na vida cotiá e no benestar de quen a padece.
O delegado de Asotrame na provincia agradeceu o interese da Área Sanitaria de Vigo, por acoller esta mostra, realizada co apoio de Sanofi, que pon o foco nunha enfermidade “invisible” fóra do ámbito especializado. Manuel Estévez subliñou a necesidade de “reforzar o enfoque interdisciplinar para mellorar a calidade de vida de quen convive con esta enfermidade que xorde, de forma paradoxal, de transplantes que salvan a vida a pacientes de cancro hematolóxico.
“A pel como testemuño, entre a vida e a súa ferida” busca coa súa presenza no Hospital Álvaro Cunqueiro chegar a novos públicos e ampliar a difusión sobre a EICR.











