A Asociación galega de afectados por transplantes medulares (Asotrame) volve contar neste 2024 co apoio da Deputación da Coruña para reforzar as súas tarefas de información e de sensibilización sobre a doazón de medula ósea. A entidade recibirá unha subvención de preto de 16.000 euros, con cargo á convocatoria para entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de programas sociosanitarios.
Grazas ao aumento da achega provincial (1.500 euros máis que o pasado ano), Asotrame potenciará “Reflexos de vida”, o programa destinado a trasladar ao conxunto da cidadanía “información veraz sobre o proceso de doazón de medula ósea para que cada quen, de xeito individual, e dispoñendo de todos os datos necesarios, tome a decisión de facerse doante dun xeito responsable”.
O reto non é outro que conseguir que se coñeza que é o cancro hematolóxico (leucemias, linfomas, mielomas múltiples…) e fomentar que novos galegos e galegas se sumen ao Rexistro español de doantes de medula, aumentando así as posibilidades de atopar doantes compatibles para pacientes que precisan un transplante aloxénico para seguir vivindo, e que carecen de familiares compatibles.
A proposta fundamental será a realización de charlas de sensibilización nas que se repasan todos os aspectos a ter en conta antes de facerse doante (procedemento, posibles riscos, mitos sobre a doazón e o transplante…) en distintos municipios coruñeses. Charlas que contarán co testemuño en primeira de expacientes, que lograron ter unha segunda oportunidade, grazas a un transplante de medula. En paralelo, desenvolveranse accións específicas para informar sobre os recursos existentes para pacientes e familiares.
Así, entre as medidas a levar a cabo figuran, entre outras, a divulgación das guías temáticas editadas pola entidade; o deseño de novos folletos e material audiovisual; a instalación en días clave de mesas informativas en hospitais da man do equipo técnico e voluntariado; ou o desenvolvemento de campañas informativas nas redes sociais da asociación.
A contía concedida pola Deputación da Coruña- un total de 15.914 euros, que representa o 80 % do custo do programa- permitirá incrementar ao longo do presente ano o número de actividades desenvolvidas, contando así con maiores posibilidades de chegar a novos públicos.











