Asotrame ofrece este luns, 26 de outubro, unha charla divulgativa sobre doazón de medula ósea no local da Asociación de Veciños Vista Hermosa, en Ourense. A sesión informativa contará co testemuño en primeira persoa dunha sobrevivente de cancro hematolóxico transplantada.
A charla, realizada en colaboración coa entidade veciñal e co apoio da Deputación de Ourense, leva por título “Como salvar unha vida a custo cero” e dará comezo ás 19:00 horas. Alba García, traballadora social de Asotrame, será a encargada de falar sobre o proceso de doazón de medula ósea ou, máis propiamente, doazón de células nai do sangue. Un xesto anónimo e solidario que salva vidas.
Cómpre lembrar que, ao non contar con doadores familiares compatibles inmunoloxicamente, o 70 % dos pacientes de leucemia, linfomas, mieloma múltiple que precisan un transplante ao non funcionarlles outras liñas de tratamento dependen do resultado da procura que active o Redmo entre as persoas doadoras voluntarias.
Ademais, unha supervivente de mieloma múltiple, Flor Romero, contará a súa experiencia en primeira persoa e resolverá dúbidas sobre o procedemento de doazón, semellante na gran maioría dos casos a unha doazón por aférese de plaquetas e, por tanto, seguro e indoloro.
Por último, a charla, aberta ao conxunta da cidadanía ourensana, permitirá saber un pouco máis do labor que vimos realizando dende o 2013 en toda Galicia.











