A Cidade da Cultura de Galicia acollía este martes os Premios Galicia de Acción Voluntaria, destinados a poñer en valor, segundo manifestou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, “o gran compromiso e xenerosidade da sociedade galega”. Desta volta, recoñeceuse o traballo de María Cendán, cofundadora da asociación Boanoite, da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e, como non, de Asotrame. O premio ten unha dotación económica de 4.000 euros.
Na gala, á que asistiu a nosa presidenta, Cristina Piñeiro, o responsable autonómico subliñou a dedicación da entidade, premiada na categoría de mellor proxecto, pola iniciativa “Apoio entre iguais”. Ademais, o conselleiro incidiu no enfoque do programa, centrado en mellorar o benestar das persoas con cancro hematolóxico, a través dunha rede de acompañamento formada por expacientes.
Asotrame agradece o compromiso e implicación do equipo de superviventes voluntarios, que fan posible «Apoio entre iguais». E felicítaos polo labor que desenvolven nos hospitais e tamén en liña, brindando apoio e unha dose de ánimo sempre necesaria a pacientes diagnosticados de cáncer hematolóxico.











