Asotrame reforza o seu servizo de atención psicosocial na capital de Galicia. O programa con maior demanda por parte dos pacientes de cancro hematolóxico e as súas familias contará este ano coa colaboración económica da Concellería de Dereitos e Servizos Sociais do Concello de Santiago. Non en van, a área sanitaria concentra case o 27 % das consultas atendidas pola asociación no que vai de ano en toda Galicia.
A administración local apoia, grazas a unha subvención de 3.000 euros, o traballo realizado pola Asociación galega de persoas con enfermidades oncohematolóxicas (Asotrame) para mellorar a calidade de vida e a saúde emocional deste colectivo, en situación de especial vulnerabilidade social, mediante unha intervención interdisciplinaria.
Así, ao labor da traballadora social da entidade, clave na información e orientación ás familias en materia de recursos e axudas, e no acompañamento na realización de trámites, se engade o labor da psicóloga da asociación. O seu traballo é crucial durante todo o proceso da enfermidade, cheo de altibaixos dende o mesmo momento do diagnóstico. Así, trátase de xestionar o impacto da enfermidade, reducindo tanto no paciente como nas persoas achegadas os niveis de ansiedade, estrés, e depresión.
Donde estamos
O programa de atención psicosocial desenvólvese de forma presencial de luns a venres, en horario matinal, na Casa das asociación de Benestar Social; os xoves tamén no centro sociocultural Santa Marta, e os venres no espazo asociativo do Hospital Clínico de Santiago. Ademais, realízanse consultas telemáticas e telefónicas. No que vai de ano, Asotrame atendeu na Área sanitaria de Santiago un total de 227 consultas, a maioría de psicoloxía.
Finalmente, cómpre apuntar que o servizo de apoio psicosocial, apoiado polo Concello, compleméntase con iniciativas como Apoio entre iguais, programa de axuda mutua para compartir experiencias e estratexias de afrontamento entre pacientes e expacientes de cancro hematolóxico que a asociación desenvolve na área de hematoloxía do CHUS.











