Asotrame informará este luns sobre doazón de medula ósea no Hospital Universitario de Ourense

Asotrame activa o vindeiro luns, 23 de novembro, unha mesa informativa sobre doazón de medula ósea no Hospital Universitario de Ourense no que, dende o verán, a asociación ten presenza regular. A iniciativa busca poñer en valor o papel clave de quen, de forma totalmente altruísta e anónima, doa células nai do seu sangue para que pacientes de cancro hematolóxico de calquera punto do planeta poidan salvar a vida, ademais de dar a coñecer o traballo da entidade.

A traballadora social da Asociación galega de persoas con enfermidades oncohematolóxicas (Asotrame) e un voluntario, que deixou atrás a enfermidade (leucemia, linfoma…) e segue vivindo, grazas a un transplante de medula, estarán no centro hospitalario entre as 9:30 e as 12.00 horas á fronte do citado punto divulgativo. Así, quen se achegue á mesa, ademais de recibir información, poñerá cara a alguén que segue vivo, grazas ao xesto voluntario que supón a doazón de medula.

Divulgación

O transplante de medula é para moitos pacientes de cancro do sangue a única alternativa de seguir adiante. E a gran maioría non ten familiares inmunoloxicamente compatibles. De aí, a importancia de dispoñer dun rexistro de potenciais doantes o máis amplo posible. Só en 2025, un total de 45 persoas enfermas de cancro hematolóxico salvaron a vida en Galicia, grazas a doadores anónimos.

Coa acción divulgativa deste luns, realizada co apoio da Deputación de Ourense, Asotrame busca acabar con mitos sobre o proceso de doazón de medula ósea, que no 90% dos casos é parecido a unha doazón por aférese de compoñentes sanguíneos, e fomentar que máis ourensáns e ourensás de entre 18 e 40 anos, con bo estado de saúde, dean o paso de inscribirse como potenciais doantes.

¿Quizás pueda interesarte?