Nova charla en Vigo do proxecto “Coidar-me!”, orientado a fomentar a alimentación consciente e o autocoidado emocional. A iniciativa divulgativa, froito da colaboración entre Asotrame e Saúdesport, terá lugar este venres no Centro municipal de Bouzas, “espazo cedido gratuitamente polo Concello de Vigo coa colaboración da Concellería de Participación Cidadá”.
Laura Bueno, educadora social de Asotrame, e Raquel Lucio, nutricionista do citado centro de alto rendemento para a saúde, estarán á fronte da sesión informativa, aberta ao conxunto da veciñanza e totalmente gratuíta.
O encontro, programado para as 17:15 horas, persegue favorecer hábitos de alimentación saudables, mellorar a relación da cidadanía coa comida, e propiciar o autocoidado emocional como piares dun benestar integral.
Na charla falarase sobre os tipos de fame, sobre como facer fronte á “fame emocional” e de como a alimentación pode axudar a regular a principal hormona do estrés. Ademais, no plano emocional, abordaranse estratexias prácticas para a xestión do estrés e da ansiedade.
“Coidar-me!”, que conta co apoio do Concello de Vigo, é unha aposta por promover a saúde comunitaria e mellorar a calidade de vida da veciñanza. Ao longo das últimas semanas realizáronse sesións informativas no Casco Vello, na Raposeira, e no local da AVV San Miguel de Oia.











