Asotrame vén de conseguir o apoio da Deputación da Coruña para impulsar “Reflexos de vida”, o seu programa de fomento da doazón de medula ósea no 2025. Con cargo á achega provincial, de preto de 14.000 euros, a entidade desenvolverá accións destinadas a distintos públicos para sensibilizar sobre a importancia deste xesto altruísta, anónimo e universal que salva vidas.
A Asociación galega de persoas transplantadas de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas contará cunha axuda de 13.921 euros, no marco da convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de programas sociosanitarios ao longo do 2025. Unha aportación que facilitará a posta en marcha ao logo do ano de novas accións de concienciación para lograr que máis persoas de entre 18 e 40 anos se sumen ao Rexistro español de doantes.
Expacientes, protagonistas
Así, Reflexos de vida incluirá charlas tanto para o público adulto (universidades, empresas, centros socioculturais…) como para o alumnado de centros educativos. Serán encontros nos que, xunto ao papel do equipo técnico, será clave a testemuña de superviventes de cáncer hematolóxico (leucemias, linfomas, síndromes mielodisplásicos…) Persoas que seguen vivas, grazas ao transplante de células nai do sangue dun doante compatible do propio país ou doutros.
O labor de expacientes voluntarios será tamén vital nas mesas informativas que se leven a cabo en hospitais públicos, co gallo da conmemoración de datas de especial interese.
Máis información
En paralelo, a subvención da Deputación permitirá á asociación dotarse de novo material informativo e de sensibilización sobre o proceso de doazón, especialmente dirixido a persoas solidarias que barallan dar o paso de rexistrarse como doantes de medula, e máis para desenvolver campañas informativas nas redes sociais. Por tanto, a finalidade última de todo o programa non é outra que tratar de que ningún paciente que precise un transplante de medula, tras fracasar outros tratamentos, perda a vida por falta de doante compatible.
O labor informativo sobre a doazón de medula é un dos tres piares do traballo de Asotrame, xunto á prestación de servizos para mellorar, na medida do posible, a calidade de vida de pacientes de cáncer hematolóxico e os seus familiares e colaborar na investigación sanitaria.











