Asotrame contará por segundo ano consecutivo coa colaboración económica da Deputación de Pontevedra para afianzar o labor de apoio que presta a pacientes de cancro hematolóxico da provincia e máis os seus familiares. O respaldo desta administración local convértese en clave para avanzar na expansión nas distintas áreas sanitarias deste territorio.
Asotrame contará este ano cunha achega de 4.884 euros para sufragar o proxecto “Acompañamento integral”, que atende a persoas con leucemia, linfomas, mieloma múltiple e outros cánceres hematolóxicos de toda a provincia. Un traballo que se levou a cabo fundamentalmente a través da presencia quincenal no espazo asociativo do Álvaro Cunqueiro e dun espazo cedido por COGAMI Pontevedra.
O proxecto desenvolvido ao longo deste ano inclúe, ademais do servizo de atención psicosocial (apoio psicolóxico e información e orientación en materia de recursos sociais), o complemento do “Apoio entre iguais”, o programa de voluntariado que, a través de visitas en planta hospitalaria e tamén de forma virtual, xunta a superviventes e pacientes con diagnósticos recentes para axudarlles a asumir a nova situación, resolver dúbidas e aportar ánimo.
A pesar de que o servizo subvencionado pola Deputación se presta en puntos localizados, o alcance deste abarca toda a provincia xa que as persoas beneficiarias proveñen de distintos municipios pontevedreses, que se teñen que trasladar para recibir os tratamentos. Ademais, aínda que o contacto e as primeiras intervencións realícense no hospital e nos espazos de atención, existe un seguimento vía telefónica ou en liña. Nos primeiros once meses do ano rexistráronse un total de 209 consultas por parte de pacientes desta provincia.
Asotrame conta na actualidade con presenza quincenal no Hospital Álvaro Cunqueiro, un dos tres centros de referencia en Galicia en materia de transplantes de medula ósea e, a partir do mes de xaneiro, estará tamén mensualmente no Hospital Montecelo.











