Dezaseis pacientes de cáncer hematolóxico beneficiáronse no 2025 do programa de “Atención social, asesoramento e intervención I”, grazas a Asotrame

Un total de dezaseis pacientes oncolóxicos e os seus familiares beneficiáronse ao longo do 2025 das vivendas de estancia temporal que ofrece Asotrame. Este recurso gratuíto, incluído no “Programa de Atención social, asesoramento e intervención I”, que promove COGAMI, contou, un ano máis, con fondos procedentes da “X Solidaria” xestionados pola Consellería de Política Social e Igualdade.

Así, a asociación dispón de dous pisos, que pon a disposición de persoas enfermas de cancro desprazadas da súa localidade para recibir tratamento no CHUAC ou no Hospital Clínico de Santiago –dous dos centros de referencia en Galicia, en materia de transplantes de medula ósea e terapias avanzadas- ou ben dos seus acompañantes.

Polo tanto, a achega, enmarcada na subvención destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación económica do 0,7% do IRPF e do imposto de sociedades, permite facer fronte a parte dos gastos de persoal do equipo de atención psicosocial (psicóloga e traballadora social) que a asociación pon a disposición dos usuarios dos pisos.

Apoio psicosocial

As dúas profesionais asumen durante a estancia dos hóspedes, e aínda despois, un labor de soporte emocional e de acompañamento na realización de trámites administrativos e sociais. Polo tanto, o recurso encádrase na liña de “actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas con discapacidade”.

Asotrame activaba a súa primeira vivenda de estancia temporal para pacientes oncolóxicos no 2017, buscando así ser útil e contribuír a mellorar no posible a calidade de vida das persoas enfermas de cáncer hematolóxico (leucemias, linfomas, mieloma múltiple…) de toda Galicia, moitas delas con discapacidade orgánica, e a dos seus familiares coidadores.

¿Quizás pueda interesarte?