Asotrame ofrece este venres, 25 de setembro, unha charla informativa sobre doazón de medula ósea no edificio multiusos de Rois. A iniciativa divulgativa contará co testemuño en primeira persoa dunha sobrevivente de cancro hematolóxico transplantada.
A sesión divulgativa, impulsada en colaboración co Concello, leva por título “Como salvar unha vida a custo cero” e comezará ás 18:00 horas. Alba García, traballadora social de Asotrame, será a encargada de falar sobre o proceso de doazón de medula ósea ou, máis propiamente, de células nai do sangue. Un xesto anónimo e solidario que, literalmente, pode salvar vidas.
Así, ao redor dun terzo dos pacientes de leucemia, linfomas, mieloma múltiple que precisa un transplante, ao non funcionar outras liñas de tratamento, conta con familiares compatibles. O resto dependerá do resultado da procura que active o Redmo entre as persoas doadoras voluntarias.
Tamén participará Flor Romero, que contará a súa experiencia como paciente de mieloma múltiple transplantada e, xunto a García resolverá posibles dúbidas sobre o procedemento de doazón, semellante no 81 % dos casos a unha doazón por aférese de plaquetas e, por tanto, seguro e indoloro.
Aberta ao conxunto da cidadanía, a charla conta co apoio da Deputación da Coruña e permitirá finalmente coñecer un pouco máis do labor que realiza a Asociación galega de persoas con enfermidades oncohematológicas- Asotrame Galicia desde hai trece anos.











