Asotrame contará un ano máis co apoio do Concello de Ferrol para o desenvolvemento dos seus programas e servizos na cidade. A administración local e a asociación veñen de asinar o convenio de colaboración, que ten como obxectivo o mantemento do espazo de atención existente na urbe naval.
Esta alianza facilitará que a Asociación de persoas transplantadas de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas poida seguir achegando, fóra do contexto hospitalario, atención psicosocial presencial a pacientes de leucemias, linfomas ou mieloma múltiple de Ferrol e da súa comarca, así como aos seus familiares.
O Concello de Ferrol aportará 4.000 euros, que permitirán axudar ao longo deste exercicio, ao financiamento desta sede, fundamental para impulsar na zona proxectos e terapias que melloren a calidade de vida das persoas con cancros hematolóxicos.
Dende este espazo de atención, situado na rúa Chile, 2-4 (entresollado dereita), correspondente ao barrio de Ultramar, coordínase ademais tanto a atención a pacientes de toda Galicia como o labor de sensibilización sobre doazón de medula ósea e a como a administración da entidade.











