Asotrame multiplicará as accións de sensibilización sobre doazón de medula co apoio da Deputación de Ourense

Asotrame vén de conseguir, por primeira vez, o apoio da Deputación de Ourense para reforzar “Reflexos de vida”, o seu programa de fomento da doazón de medula ósea neste 2026. Con cargo á achega provincial, que alcanza os 4.766 euros, a entidade desenvolverá nesta provincia accións destinadas a distintos públicos para sensibilizar sobre a importancia deste xesto altruísta, anónimo e universal que salva vidas.

Así, a nosa asociación é unha das beneficiarias da convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para proxectos de carácter social para o ano 2026. Unha aportación que facilitará a posta en marcha ao logo do ano de accións de concienciación para lograr que máis persoas de entre 18 e 40 anos se sumen ao Rexistro español de doantes.

Superviventes, protagonistas

Así, “Reflexos de vida” incluirá charlas tanto para o público adulto como para o alumnado de centros educativos. Serán encontros nos que, xunto ao papel do equipo técnico, será clave a testemuña de superviventes de cáncer hematolóxico (leucemias, linfomas, mielomas múltiples, síndromes mielodisplásicos…) Persoas que viven, grazas ao transplante de células nai do sangue dun doante compatible do propio país ou doutros.

En paralelo, buscando ampliar o alcance da mensaxe en favor da doazón de medula e dar a coñecer a súa labor entre a cidadanía, a asociación desenvolverá mesas informativas en centros hospitalarios da provincia. Compre subliñar que, dende o pasado mes, Asotrame está presente de forma regular no Hospital universitario de Ourense co programa de voluntariado “Apoio entre iguais”.

Información nas redes sociais

Finalmente, a subvención da Deputación desenvolver campañas informativas nas redes sociais para tratar de conseguir que ningún paciente que precise un transplante de medula, tras fracasar outros tratamentos, perda a vida por falta de doante compatible.

O fomento da doazón de medula é un dos tres piares do traballo de Asotrame, xunto á prestación de servizos para mellorar, a calidade de vida de pacientes de cáncer hematolóxico e os seus familiares e colaborar na investigación sanitaria.

¿Quizás pueda interesarte?