Asotrame contará coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para reforzar o seu programa de “Apoio entre iguais”. A entidade marcouse o obxectivo de recrutar entre o colectivo de expacientes de cancro hematolóxico galegos a novos voluntarios e voluntarias para potenciar o seu grupo online de axuda mutua.
Polo tanto, “Apoio entre iguais” que, na actualidade, funciona un día por semana, pon en contacto a pacientes de distintos puntos de Galicia recentemente diagnosticados de leucemia, mieloma múltiple, linfomas… con persoas que pasaron tempo atrás por ese proceso. Trátase con iso de axudarlles a asimilar a súa nova situación, e crear un espazo íntimo para axudarlles a verbalizar as súas emocións (angustia, medo…), ademais da resolver dúbidas.
Formación
A subvención de 5.611 euros permitirá que a asociación poida formar a un máximo de 15 voluntarios/as para que dispoñan de ferramentas e claves útiles, para realizar ese acompañamento a novos pacientes dunha forma máis eficaz. Traballarán cuestións como a linguaxe positiva adecuada, a escoita activa, a empatía, o apoio ás directrices médicas… ademais de realizar accións para a mellora das súas competencias dixitais.
Servizo complementario
Así, Asotrame busca converter a este grupo de axuda mutua en liña nun complemento do seu servizo de atención psicosocial. Un programa que non deixa de aumentar a súa demanda e que, ademais de soporte emocional profesionalizado, grazas ás dúas psicólogas da asociación, ofrece información sobre prestacións e recursos, da man da traballadora e a educadora social.
A subvención para o “Programa Apoio entre iguais: creación do grupo galego de voluntariado de apoio emocional de Asotrame” enmárcase na convocatoria destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á mocidade e ao voluntariado, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF do ano 2024.











