Ferrol, 7 de xuño do 2023. A Asociación galega de afectados por transplantes medulares (Asotrame) contará ao longo do 2023 co apoio da Deputación da Coruña para reforzar as súas tarefas de información e de sensibilización sobre doazón de medula ósea. A entidade recibirá unha subvención de máis de 14.000 euros, con cargo á convocatoria para entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de programas sociosanitarios.
Grazas a achega provincial, Asotrame ten previsto desenvolver baixo o paraugas de “Reflexos de vida” accións destinadas tanto á poboación en xeral, e outras orientadas a segmento específicos de público, como os escolares da provincia da Coruña, co fin de divulgar o que consiste o cancro hematolóxico (leucemia, linfomas, mieloma múltiple…), informar sobre os recursos existentes para pacientes e familiares e, como non, dar a coñecer de conseguir novos doantes de medula ósea comprometidos.
Para isto está previsto, ademais da divulgación das guías temáticas editadas pola entidade; o deseño de novos folletos e material audiovisual; a instalación en días clave de mesas informativas en hospitais, universidade, centros comerciais ou eventos deportivos da man do equipo técnico e voluntariado; a exposición sobre os pasaso para converterse en donante ou unha campaña informativa nas redes sociais da asociación.
Testemuños en primeira persoa
Con todo, a proposta fundamental será a realización de charlas de sensibilización nas que se repasan todos os aspectos a ter en conta antes de facerse doante (procedemento, posibles riscos, mitos e lendas sobre a doazón e o transplante…) en distintos municipios coruñeses. Charlas que contarán co testemuño en primeira de expacientes, que lograron ter unha segunda oportunidade, grazas a un transplante de medula.
A contía concedida pola Deputación da Coruña- un total de 14.401, 67 euros- permitirá incrementar ao longo deste ano o número de actividades desenvolvidas, posibilitando así chegar a novos públicos.