Asotrame ofrecerá unha charla sobre a doazón de medula ósea na cooperativa A Morada de Vigo

A cooperativa A Morada de Vigo abre as súas portas a Asotrame, e o próximo luns 7 de setembro, as súas instalacións na rúa Enrique X. Macías nº 6 acollerán unha das nosas charlas informativas baixo o título “Doa medula, doa vida”. Con entrada aberta á cidadanía, comezará ás 19:00 horas, estará guiada pola nosa traballadora social Alba García, e contará co testemuño en primeira persoa do noso voluntario Manu Estévez, supervivinte de de cancro hematolóxico e delegado de Asotrame na provincia de Pontevedra.

Na sesión falarase sobre o cancro hematolóxico, abordando o variados grupo de enfermidades que abarca -leucemias, linfomas, mieloma múltiple, síndromes mielodisplásicos…-. Así mesmo, incidirase na importancia da doación de medula ósea, un xesto anónimo, altruísta e universal que permite salvar vidas tras fracasar tratamentos previos. A conferencia completarase con información sobre o día a día de Asotrame, e os programas que desenvolve para pacientes e familiares co ánimo de mellorar a súa calidade de vida.

Dende Asotrame, queremos agradecer á cooperativa sen ánimo de lucro A Morada a súa man tendida, que nos permitirá continuar difundindo a nosa mensaxe a favor da doazón. Así mesmo, a asociación quere poñer en valor o labor de A Morada, un espazo de encontro para as mulleres de referencia en Vigo, onde atopan unha completa axenda de actividades de lecer, ademais de asesoramento e formación, avanzando na construción dunha comunidade que medra cos coidados como epicentro.

¿Quizás pueda interesarte?