Asotrame levará a cabo este xoves, 14 de novembro, en colaboración co Concello de Ames, distintas charlas informativas na localidade sobre o cancro hematolóxico, o impacto deste diagnóstico, e a doazón de medula ósea. Haberá accións destinadas á veciñanza en xeral e outras específicas para o público escolar.
Persoal e voluntariado da entidade achegaranse ao municipio para dar a coñecer que é iso do cancro do sangue (leucemias, linfomas, mielomas…), como dá a volta a vida da persoa e dos súa contorna inmediata, e de que maneira se pode axudar a salvar a vida destes pacientes.
Así, ata cinco grupos de terceiro da ESO do IES do Milladoiro participarán nas actividades de sensibilización. Nestas charlas informativas abordarase, entre outras cuestións, a necesidade de fomentar a doazón de medula (en propiedade células nai do sangue). Un xesto totalmente altruísta e anónimo, ao alcance de calquera persoa sa de entre 18 e 40 anos que pode salvar a vida de pacientes que precisas, ao fallar o resto dos tratamentos, un transplante de medula para salvar a vida.
Charla aberta
Ademais, saíndo do ámbito escolar, farase unha charla, aberta ao conxunto da cidadanía, a partir das 19 horas, no Pazo da Peregrina. Unha sesión na que se abordarán as distintas estratexias de afrontamento da enfermidade, os servizos que presta Asotrame para mellorar a calidade de vida dos pacientes e as familias e, como non, da necesidade de normalizar a doazón de medula.
Varios superviventes, que deixaron atrás a enfermidade, grazas a un transplante de medula ósea, participarán nas sesións, ofrecendo o seu testemuño en primeira persoa da dura experiencia que lles tocou vivir.
Colaboración
A iniciativa é posible grazas ao apoio do Concello de Ames, que concedeu neste 2024 unha axuda no marco das súas subvencións para entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades complementarias aos servizos sociais comunitarios e inclusión social.