Dez pacientes oncolóxicos e os seus familiares beneficiáronse no segundo trimestre do 2026 das vivendas de estancia temporal que ofrece Asotrame. Trátase dun recurso gratuíto, incluído no “Programa de Atención social, asesoramento e intervención I”, que promove COGAMI, e conta con fondos procedentes da “X Solidaria” xestionados pola Consellería de Política Social e Igualdade.
A asociación oferta estas vivendas ás persoas enfermas de cancro desprazadas da súa localidade para recibir tratamento tanto no CHUAC como no Hospital Clínico de Santiago, dous dos centros de referencia en Galicia, en materia de transplantes de medula ósea e terapias avanzadas- ou ben dos seus acompañantes.
A achega, enmarcada na subvención destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación económica do 0,7% do IRPF e do imposto de sociedades, permite facer fronte a parte dos gastos de persoal do equipo de atención psicosocial (psicóloga e traballadora social) que a asociación pon a disposición dos usuarios dos pisos.
As dúas profesionais ofrecen durante a estancia dos hóspedes (4 familias no de A Coruña e 6 no de Santiago), e aínda despois, un labor de soporte emocional e de acompañamento na realización de trámites administrativos e sociais, contribuíndo así á “promoción da autonomía persoal e apoio de persoas con discapacidade”.
Asotrame activaba a súa primeira vivenda de estancia temporal para pacientes oncolóxicos hai xa nove ano, buscando contribuír a mellorar no posible a calidade de vida das persoas enfermas de cáncer hematolóxico (leucemias, linfomas, mieloma múltiple…) de toda Galicia, moitas delas con discapacidade orgánica, e a dos seus familiares coidadores, e minimizar o impacto económico da enfermidade.











