A Deputación de Pontevedra colabora co labor de Asotrame nesa provincia

Deputación Pontevedra colabora Asotrame

Asotrame suma unha nova aliada na súa expansión territorial na zona sur de Galicia. Por primeira vez, a Deputación de Pontevedra vén de conceder á entidade unha axuda para facilitar o apoio que brinda a asociación aos pacientes de cancro hematolóxico desta provincia.

Desta forma, a nosa entidade contará este ano cunha achega de 4.778 euros por parte desta administración para colaborar, ao longo do 2024, co labor de acompañamento integral para pacientes con cancro hematolóxico e as súas familias na provincia de Pontevedra.

Servizo gratuíto

Así, Asotrame ofrece, na actualidade, a través do seu programa de atención psicosocial, apoio emocional gratuíto ás persoas de distintos puntos da provincia con leucemias, linfomas, mieloma múltiple… dende o momento do diagnóstico e durante todo o duro proceso da enfermidade. Un apoio profesional, da man do equipo de psicólogas, que se estende ademais aos seus familiares.

En paralelo, os colectivos citados poden beneficiarse de asesoramento e información, grazas á traballadora social e á educadora social, sobre recursos existentes para mellorar, na medida do posible, a súa calidade de vida. No que vai de ano, preto dun cento das consultas rexistradas proceden das localidades pontevedresas.

Presenza en Pontevedra

Esta atención ofrécese de forma permanente, a través do teléfono e de forma online, previa cita no 698 130 684. Ademais, Asotrame ten presenza regular na oficina pontevedresa de Cogami e, dende hai un tempo, o terceiro luns de cada mes no Hospital Álvaro Cunqueiro, un dos tres centros de referencia en Galicia no que atinxe aos transplantes de medula ósea de Galicia.

Finalmente, no marco deste acompañamento, os pacientes de cancro do sangue pontevedreses, como os do resto de Galicia, teñen á súa disposición tamén o grupo de axuda mutua “Apoio entre iguais” e recursos, igualmente gratuítos, como, por exemplo, os dous pisos de estancia temporal para pacientes oncolóxicos desprazados para o seu tratamento nos hospitais públicos de Santiago ou da Coruña.

¿Quizás pueda interesarte?

×