Asotrame achegará a Equiocio Ferrol a súa mensaxe en favor da doazón de medula

Asotrame súmase á celebración do 35 aniversario de Equiocio Ferrol. Tras varias edicións cunha presenza testemuñal, a Asociación galega de persoas con enfermidades oncohematolóxicas volve aproveitar o escaparate que ofrece o certame hípico e de lecer familiar para proxectar a súa mensaxe en favor da doazón de medula ósea.

A entidade ofrecerá este venres, 7 de agosto, a partir das 20.00 horas, a charla “Como salvar unha vida a custo cero”. Na sesión, que terá lugar no espazo reservado para as entidades sociais, incidirase na importancia vital de sumar novos doantes de medula ósea para salvar a vida de pacientes con cancros hematolóxicos (leucemias, linfomas…) que, tras fracasar outros tratamentos, precisan un transplante para saír adiante.

Durante a charla, Raquel Pichel, educadora social da entidade, repasará e desmontará algúns os mitos existentes sobre o proceso de doazón, un xesto anónimo, altruísta e universal que, no 90% dos casos, é similar a unha doazón de sangue por aférese para conseguir algún compoñente en concreto. Por tanto, nin entraña perigo algún nin resulta doloroso.

A acción de sensibilización, realizada co apoio de Deputación da Coruña, permitirá ademais a quen se asista ao encontro saber un pouco máis ao redor da actividade que desenvolve Asotrame para acompañar a pacientes e familiares durante a enfermidade, tratando de mellorar a súa calidade de vida, así como para impulsar a investigación.

¿Quizás pueda interesarte?