Superviventes de cancro hematolóxico fórmanse para prestar apoio emocional a actuais pacientes

Asotrame vén de iniciar a formación de novo voluntariado para o seu programa “Apoio entre iguais”. A asociación confirmaba días atrás a colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, para preparar a superviventes de cáncer hematolóxico para que poidan ofrecer apoio emocional a pacientes recentemente diagnosticados.

A Asociación galega de persoas transplantadas de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas (Asotrame) disporá de 8.900 euros ao longo de todo este ano para capacitar a unha vintena de novos voluntarios e voluntarias entre persoas que deixaron atrás a enfermidade para potenciar o seu grupo de axuda mutua.

A finalidade non é outra que complementar o labor profesional que presta o servizo de atención psicosocial da entidade, cun equipo de persoas que deixou atrás a enfermidade, capacitado para  atender as necesidades emocionais e resolver dúbidas que formulen actuais pacientes de leucemias, mieloma múltiple, linfomas de distintos puntos de Galicia, actuando por medio de encontros virtuais e presenciais.

Así, o programa aposta por poñer en contacto a pacientes en pleno proceso con expacientes, grazas a través de reunións semanais online e visitas ás plantas de hematoloxía ou hospitais de día de centros hospitalarios como o Álvaro Cunqueiro, o Hospital Clínico de Santiago, ou o HULA e o hospital de día hematolóxico do CHUAC. Encontros que buscan axudarlles a asimilar a súa nova situación, e crear un espazo íntimo para favorecer que poidan verbalizar as súas emocións (angustia, medo…)

Contidos

Durante as sesións formativas, abordaranse cuestións como a linguaxe positiva adecuada, a escoita activa, a empatía, o apoio ás directrices médicas; o voluntariado (lexislación, compromiso, acordo de confidencialidade…) e realizaranse ademais accións de mellora das súas competencias dixitais (descarga e uso de plataformas de videoconferencias).

A subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enmárcase na convocatoria destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á mocidade e ao voluntariado, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF do ano 2025.

¿Quizás pueda interesarte?