Asotrame volverá contar neste 2026 como aliada esencial para reforzar o labor de divulgación da doazón de medula ósea coa Deputación da Coruña. O ente vén de confirmar o seu respaldo económico ás accións que a asociación desenvolva nos municipios da provincia para sensibilizar sobre o proceso ao conxunto da sociedade.
A administración incrementa ata os 15.558 euros a contía da axuda concedida no marco da convocatoria de subvencións para entidades sen fin de lucro para o mantemento de programas sociosanitarios.
A iniciativa central da proposta de Asotrame é o “Reflexos de vida”, o ciclo de sesións informativas nas que se fala sobre o cancro hematolóxico e da importancia da doazón, un xesto anónimo, altruísta e universal que salva vidas, poñendo cara a esta realidade. Así, nas charlas, ademais do persoal técnico da asociación, participan superviventes transplantados que ofrecen o seu testemuño en directo.
Só no que vai de ano máis de 700 persoas, asistiron ás sesións desenvolvidas en centros educativos da provincia (fundamentalmente institutos e centros de FP), así como noutras abertas á cidadanía en xeral, destinadas a cambiar a mentalidade do conxunto da poboación, acabando con mitos que rodean ao proceso de doazón e conseguir entre persoas de 18 e 40 anos novos doantes.
En paralelo, o apoio da Deputación permitirá ao longo dos vindeiros meses realizar a actualización, impresión e difusión “Guía doazón de medula ósea” coa que conta Asotrame, e dar continuidade ás campañas nas redes sociais destinadas para conseguir que máis galegos e galegas decidan inscribirse no Rexistro español de doantes de medula ósea. Por último, servirá para impulsar unha nova edición de “Luces de cores”.











