Asotrame ofrecerá en Vigo pautas de alimentación consciente e autocoidado emocional

Vigo acollerá o martes 19 de maio a charla divulgativa “Coidar-me!”, centrada na alimentación consciente e no autocoidado emocional. A proposta, na que colaboran man con man Asotrame e Saúdesport, terá lugar na Oficina municipal de distrito Casco Vello, “espazo cedido gratuitamente polo Concello de Vigo coa colaboración da Concellería de Participación Cidadá”.

Laura Bueno, educadora social de Asotrame, e a nutricionista do citado centro de alto rendemento para a saúde, Raquel Lucio, poranse á fronte desta sesión informativa, aberta ao conxunto da veciñanza e totalmente de balde.

A charla, prevista para as 10:30 horas, busca promover hábitos de alimentación saudables, mellorar a relación coa comida e fomentar o autocoidado emocional como pezas fundamentais para acadar un benestar integral.

No taller falarase sobre alimentación consciente, sobre os tipos de fame, como identificalos e como facer fronte á “fame emocional” e como a alimentación pode axudar a regular o cortisol, principal hormona do estrés. Ademais, no plano emocional, abordaranse estratexias prácticas para a xestión do estrés e da ansiedade, así como para previr o síndrome do traballador queimado.

“Coidar-me!”, que conta co apoio do Concello de Vigo, é unha aposta por promover a saúde comunitaria e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

¿Quizás pueda interesarte?