Asotrame organiza a vindeira semana en Vigo dúas charlas sobre alimentación e autocoidado emocional

Volve a Vigo o proxecto divulgativo de Asotrame “Coidar-me!”. E faino con dúas charlas informativas que porán o foco na alimentación consciente e no autocoidado emocional. A proposta, froito do traballo conxunto de Asotrame e Saúdesport, terán lugar na Raposeira e máis en Oia.

A primeira das charla será o martes 16, a partir das 16:30 horas no Centro municipal da Raposeira, “espazo cedido gratuitamente polo Concello de Vigo coa colaboración da Concellería de Participación Cidadá”. E a iniciativa repetirase o venres 19, a partir das 18 horas, no local da Asociación de veciños San Miguel de Oia.

Laura Bueno, educadora social de Asotrame, e a nutricionista do citado centro de alto rendemento para a saúde, Raquel Lucio, estarán ao fronte das dúas sesións gratuítas, aberta ao conxunto da veciñanza viguesa.

O obxectivo de Coidar-me! non é outro que promover hábitos de alimentación saudables, mellorar a relación coa comida e fomentar o autocoidado emocional como pezas fundamentais para acadar un benestar integral.

Na actividade, que replicará a desenvolvida hai unhas semanas no Casco Vello de Vigo, falarase sobre alimentación consciente. Así, explicaranse os distintos tipos de fame que existen, apuntarse como evitar a “fame emocional”, e abordaranse  cuestións como a posibilidade de regular, a través dunha alimentación axeitada, o cortisol, principal hormona do estrés. Finalmente, comentaranse estratexias útiles para a xestión do estrés e da ansiedade.

“Coidar-me!” xorde como unha aposta de Asotrame e de firmas que colaboran coa asociación por promover a saúde comunitaria e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

¿Quizás pueda interesarte?