Asotrame vén de recibir unha doazón de 2.000 euros por parte de I’TICS, correspondente ao VIII WeddingPack Solidario «Cásate no Camiño», o salón nupcial celebrado no mes de marzo en Pontedeume. Unha iniciativa que aposta por unir territorio, persoas e compromiso social, demostrando que as vodas tamén poden ser unha ferramenta real de transformación comunitaria.
Con esta nova achega, a colaboración económica de I’TICS coa nosa asociación, supera xa os 19.000 € ao longo dos últimos anos. Unha contía, derivada das aportacións realizadas polas firmas participantes no evento de vodas, que permitiu impulsar variedade de proxectos de arte e saúde e intervencións nas áreas de hematoloxía de distintos hospitais galegos.
A implicación de parellas, profesionais, empresas e institucións que formaron parte da última edición de Cásate no Camiño consolidan un proxecto que pon o foco en valores como a diversidade, a inclusión ou a solidariedade e que conta co apoio do Concello de Pontedeume, Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Galicia Calidade, Deputación da Coruña e Asociación de Concellos do Camiño Inglés.











