Representantes de Asotrame mantiveron un encontro con responsables da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras para abordar o desenvolvemento do convenio de colaboración que veñen de subscribir para promover o traballo do voluntariado no Hospital Universitario de Ourense.
Na reunión participaron o xerente da Área Sanitaria, Santiago Camba; o subdirector de Atención ao Paciente e Humanización, José Luis López Gutiérrez; o xefe do Servizo de Hematoloxía, José Luis Sastre; e a supervisora do servizo, Luisa Vázquez. Por parte de Asotrame asistiron Manuel Estévez, vogal da xunta directiva; Alba García, traballadora social; e Ivana Iglesias, psicóloga.
O acordo ten como obxectivo regular a actividade do voluntariado de ASOTRAME no Hospital Universitario de Ourense, especialmente na planta de hospitalización de Hematoloxía, para facer máis levadeira a estancia hospitalaria das persoas con enfermidades onco-hematolóxicas e ofrecer apoio tamén ás súas familias.
Acompañamento e humanización
Así, o traballo do voluntariado na planta estará orientado a poñer en contacto a pacientes, recentemente diagnosticados ou en tratamento activo, con persoas que xa superaron a enfermidade. A finalidade é facilitar o intercambio de experiencias e recursos de afrontamento desde unha perspectiva respectuosa e centrada na persoa.
O acordo contempla ademais a participación no programa solidario Luces de cores, que achegará o nadal en forma de postais, e a posta en marcha de exposicións en planta.
Finalmente, a entidade poderá informar a pacientes que, polos seus tratamentos vaian a ser desprazados a calquera dos tres hospitais de referencia en materia de transplantes de medula ósea e tratamentos car-t, sobre as súas vivendas gratuítas de estancia temporal.
A colaboración terá unha vixencia de catro anos, con posibilidade de prórroga, e contará cunha comisión mixta de seguimento entre ASOTRAME e o Sergas para avaliar o desenvolvemento das actuacións e propoñer novos programas. Este acordo reforza a colaboración que a asociación ven mantendo coa Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras ao longo dos últimos anos.











