Máis de 600 persoas participaron o pasado venres en Cospeito no “II Festival benéfico dos Asubiíños”, unha cita á que se sumaron, de forma totalmente altruísta, artistas galegos de primeira liña. O obxectivo, ademais de dar a benvida ao Nadal cunha boa festa, foi reunir fondos para apoiar o labor de Asotrame a prol das persoas con cancro hematolóxico de Galicia.
O festival, celebrado no CPI Virxe do Monte, contou coas actuacións de Lucía Pérez, Tania Veiras, Plan Siberia, O Filloas, Beteluma, Grupo Fénix, a Coral Polifónica Virxe do Monte, Pre-Asubíos, e Asubíos da Chaira. Foi, en definitiva, unha noite chea de música e de xolda.
Durante a gala, na que Fátima Pego e Francisco Nogueira exerceron de mestres de cerimonia, a Asociación de mulleres rurais Cousas nosas e Asubiíños da Chaira fixeron entrega a Asotrame do cheque simbólico por importe de 3.750 euros, contía recadada coas entradas e doazóns.
Agradecemento
Teresa Rodríguez, secretaria da entidade, foi a encargada de recibilo, trasladando aos promotores e ao público presente o agradecemento infinito en nome do equipo, voluntariado e usuarios da asociación. A entidade conta con presencia nos hospitais públicos de Lugo, A Coruña, Santiago, Ferrol e Vigo.
Así, os fondos recibidos facilitarán o mantemento dos programa que a asociación ofertados na actualidade, ademais de levar a cabo novas accións de difusión e de fomento das doazóns de medula ósea.