O Concello de Ferrol colabora, un ano máis, con Asotrame. O apoio económico da entidade local contribuirá a soster o Espazo para pacientes que a asociación ten na cidade naval. Un punto dende o que se coordina o traballo da entidade en toda Galicia e no que se ofrece información e se brinda apoio psicolóxico e social a persoas con cancro hematolóxico e tamén aos seus achegados.
Asotrame recibirá neste 2026 un total 4.000 euros por parte do Concello de Ferrol, destinados a garantir o mantemento en Ferrol do punto de atención, situado desde hai catro anos, no barrio de Ultramar (rúa Chile, 2-4, entreplanta dereita).
Neste espazo de referencia aténdese de forma totalmente gratuíta ao longo de todo o ano a pacientes diagnósticos de leucemia, linfomas, mieloma múltiple, síndromes mielodisplásicos… así como aos seus achegados.
Entre os servizos que se ofrecen cómpre destacar o de atención psicolóxica individual, previa cita, ademais da información e orientación sobre axudas e prestacións de carácter social. Trátase con iso de mellorar, na medida do posible, a calidade de vida do colectivo.
Só no primeiro semestre do 2026, o servizo de atención psicosocial de Asotrame, que conta con psicóloga e traballadora social, atendeu un total de 173 consultas de toda a área Sanitaria de Ferrol. O respaldo económico do Concello resulta polo tanto clave para que os pacientes de Ferrolterra poidan contar con acompañamento profesional e de persoas que deixaron atrás a enfermidade nun momento de especial vulnerabilidade.











