A exposición itinerante “A pel como testemuño: entre a vida e a súa ferida”, impulsada por Asotrame, recala dende hoxe no Hospital Universitario Montecelo, en Pontevedra, no marco do seu percorrido por Galicia. A mostra pon cara y dá voz a pacientes que conviven coa enfermidade enxerto contra receptor (a EICR), unha complicación frecuente tras os transplantes de medula ósea de doante, y tamén aos familiares que están ao seu lado.
O proxecto divulgativo, que anticipa a presenza regular da Asociación galega de persoas transplantadas e enfermidades oncohematolóxicas no centro hospitalario, ten o seu punto forte nos retratos en branco e negro do fotógrafo publicitario Xosé Durán, supervivente de leucemia e tamén paciente de EICR.
Na mostra, as fotografías dunha decena de doentes e familiares únense aos comentarios ao redor como viven a enfermidade, construíndo entre todos unha visión global desta patoloxía multisistémica, nas súas versións aguda e crónica.
A afección cutánea é a máis habitual, pero pode manifestarse no aparato dixestivo, no fígado, nos pulmóns, nos ollos… E faino xerando consecuencias que perduran no tempo, tendo un enorme impacto na vida cotiá e no benestar de quen a padece.
Proposta divulgativa
Asotrame agradece o interese da Área Sanitaria de Pontevedra por acoller esta mostra, realizada co apoio de Sanofi, que pon o foco nunha enfermidade “invisible” fóra do ámbito especializado. A iniciativa incide na necesidade de “reforzar o enfoque interdisciplinar para mellorar a calidade de vida de quen convive coa enfermidade”, que xorde de transplantes que salvan a vida a pacientes de cancro hematolóxico.
“A pel como testemuño, entre a vida e a súa ferida”, que poderá visitarse na planta baixa do hospital (diante do salón de actos) nestes últimos días do ano e durante o mes de xaneiro, busca coa súa presenza en Pontevedra chegar a novos públicos e ampliar a difusión sobre a EICR.











