O Concello da Coruña colabora co programa «Como en casa» na cidade herculina

Catro pacientes oncolóxicos desprazados e as súas familias beneficiáronse ao longo do 2025 do piso gratuíto de estancia temporal que ten Asotrame na cidade herculina. O Concello da Coruña vén de confirmar unha achega económica para colaborar co mantemento deste recurso, que incorpora ademais atención psicosocial para as persoas moradoras.

A administración local aportará, no marco das subvencións a entidades de iniciativa social sen fin de lucro para a realización de proxectos de interese social, un total de 2.441 euros. Unha colaboración que permitirá facer fronte a parte dos gastos derivados de ofertar completamente de balde, ao longo dos últimos doce meses, o apartamento no barrio das Flores.

Este servizo da Asociación galega de persoas transplantadas de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas (Asotrame) permitiu que pacientes con cancro estivesen acompañados polos seus familiares, mentres recibían tratamento no CHUAC, evitando aos acompañantes desprazamentos diarios ás súas localidades de orixe (nalgún caso a hora e media de distancia) ou o ter que facer fronte a un aluguer nun momento de especial vulnerabilidade.

O recurso busca paliar o impacto económico da enfermidade, derivado da necesidade de solicitar baixas laborais, permisos ou mesmo excedencias por coidado de persoas dependentes e, en paralelo, atender emocionalmente aos hóspedes. Así, reciben atención psicolóxica durante a estancia que, en todos os casos se alongou durante meses, ademais de orientación e acompañamento ao hora de realizar trámites de tipo social.

Asotrame activaba o programa “Como en casa” no ano 2017 na Coruña e, dada a boa acollida e utilidade para contribuír ao benestar dos pacientes ce cancro hematolóxico e doutros tipos e as súas familias, estendía posteriormente o servizo a Santiago, cubrindo así dous dos centros de referencia no que atinxe aos transplantes de medula ósea e terapias avanzadas car-t (CHUAC e Hospital Clínico de Santiago).

¿Quizás pueda interesarte?